domingo 8 de marzo de 2009

Qoerqiowe (versión en galego)

EARL THOMPSON

Marta Toledo, ilustración publicada en diario
Perfil (23 dic 2007)

Traducción: Emma Núñez Pérez

No planeta Qoerqiowe hai seres dunha estrañeza inverosímil. Dise —quizais pareza absurdo— que para cada un deles hai un só corpo e unha soa mente. Ósea que a cada mente correspóndelle un corpo, e viceversa. Tamén, que son capaces de deslizarse no espazo pero non no tempo. Iso quere dicir —semella un disparate— que por propia vontade (unha vontade pertencente a un só ser) poden mudar a súa situación espacial con respecto ós outros obxectos e seres. Tal pasmosa habilidade era antano refutada por físicos e matemáticos, pese a inapelables declaracións de testemuñas cualificadas. Máis incomprensible inda é que —segundo crónicas de viaxeiros— estes seres xamais elixen o intre no que están. Obrigados a aceptalo, non poden moverse cara outro, por máis que o desexen. Enténdase: non significa isto que carezan dunha capacidade plausible de ser desenrolada con instrución e práctica, se non que por mera imposibilidade da física de Qoerqiowe vense impelidos a existir só nun dos puntos sucesivos da recta do tempo. Non se trata dun defecto moral, non; non debe achacarse tal estreiteza á desidia nin á maldade. Debe apuntarse, ademais, que a súa prodixiosa liberdade espacial contraponse unha miserable percepción do tempo: apenas unha fracción do que aquí chamamos momento. Alá, un momento é infinitamente pequeno. Noutras verbas: o seu presente ocupa exactamente nada. Non hai verbas con que aclarar semexante contradición ó sentido común. Un avezado lector preguntaría: Non é contraditorio o seguinte razoamento?:

Chámase momento presente ó segmento actual na recta do tempo

Se existe o tempo, entón existe o momento presente

En Qoerqiowe existe o tempo

En Qoerqiowe existe o momento presente

Un segmento de tempo existe só se ten lonxitude maior a cero

En Qoerqiowe o momento presente ten unha lonxitude igual a cero

En Qoerqiowe non existe o momento presente

Co que queda demostrado que non saberíamos que contestar. Baste dicir que estes seres existen rodeados de sendas mares inmensos de pasado e futuro, a costas dun filoso quark ó que chaman presente. Non remata aquí a lista de absurdos. Acerca da psicoloxía destes seres publicáronse varios tratados nos últimos séculos; as sorpresas daqueles primeiros lectores atoparán ecos nas de quen teñan ante si esta páxina. Só un par de curiosidades: a diferenza dos animais do mundo que coñecemos, os que habitan en Qoerqiowe teñen a mente dentro e o corpo afora. Unha rama recente da psicoloxía que se apoia na lóxica simbólica, a teoría de conxuntos, a xeometría de n dimensións, a bioloxía, e conceptos tomados do que se fai chamar matemática especulativa logrou establecer nun plano enteiramente abstracto a existencia de monstros semellantes ós daquel lonxano planeta. Este descubrimento deixou atónita a grande parte da comunidade científica, que ata non hai moito consideraba coma disparatadas as descricións —agora donas dunha probabilidade apuntalada na firmeza da lóxica— dos ousados aventureiros que, convén dicilo, tal vez non houberan merecido ó seu retorno tanta incredulidade, nin insultos, cuspes, azoutes, decapitacións ni gnorjlebskue. (Esta última,unha práctica desalmada, se as hai). Ó parecer, é continxente a configuración dun exoesqueleto emocional e un interior material. Vale dicir, é posible a existencia (baixo outras leis físicas que comezamos a vislumbrar) de animais que teñan a súa parte tanxible recubrindo a súa parte intanxible, seres con emocións e nocións dentro dunha sorte de caparazón material.

última revisión: 27 mar 09